Sunday 19 de May de 2024

Turismo de Galicia e o Grupo Nove levarán a gastronomía galega á cidade de San Sebastián


A directora de Turismo de Galicia e o presidente da Asociación Nove Grupo Gastronómico, acompañados dos cociñeiros do Grupo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para continuar coa promoción conxunta da gastronomía de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Asociación Nove Grupo Gastronómico, Miguel Ángel Campos, acompañados dos cociñeiros do Grupo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para continuar coa promoción conxunta da gastronomía de Galicia.

O convenio ten como finalidade a promoción conxunta de Galicia como destino turístico, promovendo e comercializando a gastronomía galega co obxecto de continuar potenciando a mesma como factor clave de reequilibrio territorial e de instrumento de difusión da excelente calidade dos nosos produtos da terra e do mar.

Entre outras iniciativas, grazas ao convenio asinado Turismo de Galicia conxuntamente co Grupo Nove celebrará unha acción promocional en formato showcooking na cidade de San Sebastián.

No mesmo, cada un dos cociñeiros da asociación elaborará unha tapa nun ambiente lúdico e distendido no que haberá unha notable presenza de profesionais da cociña, así como representantes do resto de asociacións ou grupos gastronómicos. Tamén asistirán autoridades e persoal do sector empresarial vencellado coa gastronomía e a alimentación. Así mesmo, terán unha presenza especial os medios de comunicación co fin de que o acto teña unha difusión masiva.

Durante o acto de sinatura do convenio a directora de Turismo de Galicia afirmou que o acto acadará unha gran transcendencia a nivel social e cultural dunha maneira dinámica e participativa.

Ademais, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que durante a celebración de mesmo promoverase o patrimonio natural e cultural da nosa comunidade a través da colocación de soportes audiovisuais que mostrarán a información dos produtos e os lugares onde se producen.

Así mesmo, Nava Castro explicou que, xunto a este acto promocional en forma de showcooking, tamén se editará un pack promocional e informativo que servirá de carta de cociña de vangarda da nosa comunidade. Segundo sinalou, o pack conterá un folleto de formato manexable e un despregable.

“Todas estas accións reforzarán a condición da gastronomía galega como reclamo turístico e porán en valor a súa singularidade, autenticidade e capacidade de innovación”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

‘Cocinando en el fin del mundo’
Por outra parte, a gastronomía galega chegará tamén ao prestixioso festival internacional de cine da cidade de San Sebastián o próximo 24 de setembro co estreo da longametraxe ‘Cocinando en el fin del mundo’.

Un documental que permite descubrir o lado máis auténtico e elegante da gastronomía galega actual sen deterse na cara máis coñecida, tradicional e turística da gastronomía de Galicia senón centrándose nos elementos emerxentes e xeralmente ocultos que axudan a explicar o momento actual dunha cociña de futuro que afunde a súas raíces na tradición. Unha homenaxe á cociña galega, caracterizada pola súa perfecta mestura de tradición e vangarda, e aos profesionais, que día a día están a revolucionar a gastronomía da nosa comunidade.

O estreo desta produción galega enmarcarase no ciclo Culinary Zinema, e presentarase xunto cunha cena firmada polos cociñeiros protagonistas do Grupo Nove.

Mercado receptor prioritario para Galicia
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o País Vasco é un dos mercados receptores de visitantes prioritarios para a nosa comunidade.

No pasado ano aloxáronse en establecementos regrados da nosa comunidade preto de 129.000 residentes nesta comunidade, o que supuxo un crecemento do 5,8% con respecto ao ano anterior.

A cifra de noites destes viaxeiros situouse por riba das 294.000, despois dun crecemento do 5,5%.